Tuesday 14 de May de 2024

Galicia rexistra este verán a taxa de crecemento de viaxeiros máis elevada do conxunto do estado


A nosa comunidade rexistrou este verán un récord de afluencia turística no segmento hoteleiro ao superar nun 13,1% a cifra de viaxeiros aloxados do pasado verán e nun 11,4% o nivel de pernoitas

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, a conxuntura hoteleira de Galicia neste pasado verán foi moi positiva por canto se detectou un incremento dos principais indicadores da demanda e ocupación.

Galicia marcou este verán a taxa de crecemento de viaxeiros máis elevada do conxunto do Estado co 13,1%. En termos de pernoitas, cun 11,4% é a terceira comunidade cun maior incremento. Deste modo, acadouse niveis que supoñen máximos históricos para a nosa comunidade con preto de 1,24 millóns de viaxeiros e máis de 2,54 millóns de pernoitas. Con estas cifras, Galicia marca tres anos de crecemento consecutivos da demanda hoteleira no período estival.

No conxunto dos meses de xullo e agosto detectouse un comportamento homoxéneo dos tres grandes segmentos de mercado. O turismo interno subiu un 2,8% e o mercado receptor rexistrou tamén resultados positivos superando os niveis de demanda do verán de 2014, nun 12,5% o turismo receptor nacional e nun 16,6% o internacional. O mercado receptor nacional rexistrou máximos históricos de viaxeiros aloxados con 670 mil nestes dous meses e o mercado internacional rompe tamén as cifras do pasado ano e rexistra máximos históricos tanto de volume con máis de 325 mil viaxeiros e preto de 525 mil pernoitas, como de peso no conxunto da demanda ao representar neste verán o 26,3% dos viaxeiros e o 20,6% das pernoitas.

Mes de agosto
Tamén no mes de agosto a nosa comunidade rexistrou un notable incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros. Con máis de 675 mil viaxeiros superouse nun 7,2% a cifra do pasado ano e nun 20,3% a cifra do Ano Santo do 2010.

As pernoitas tamén se incrementaron nun 7,6% en relación a agosto do pasado ano ata acadar máis de 1,45 millóns neste mes. Esta cifra supón un incremento do 6,5% en relación ao Ano Santo do 2010.

Ambos datos supoñen un máximo histórico na nosa comunidade tanto no que atinxe ao volume de viaxeiros aloxados como ás pernoitas.

En termos de mercados destaca o comportamento do turismo receptor que presenta un incremento das pernoitas do 10,5% en termos globais.Esta porcentaxe sitúase no 9,6% no caso do turismo receptor nacional e no 13,4% no caso do turismo internacional. O turismo receptor nacional acada máximo histórico de viaxeiros con preto de 390 mil neste mes, circunstancia que consolida e reforza a recuperación observada nos últimos dous anos. O turismo internacional continúa tamén a senda de crecemento rexistrada nos últimos tres anos e marca novamente máximos históricos tanto de viaxeiros con mais de 170 mil como de pernoitas con 283 mil. O turismo internacional tamén acada máximos históricos no peso dentro da estrutura da demanda ao representar o 25,4% do total de viaxeiros e o 19,5% das pernoitas.

A nivel territorial tamén se rexistra un comportamento positivo da demanda hoteleira nas catro provincias galegas, con incrementos de notable intensidade en todas elas.

A ocupación hoteleira mellora en más de 4 puntos porcentuais ata situar a ocupación media na cifra máis elevada dos últimos oito anos e que supera o dato do último Xacobeo 2010. Tamén soben as tarifas hoteleiras en Galicia neste oitavo mes do ano un 5,4%. Deste modo o RevPar sobe un 16,5% ata situarse tamén na cifra máis elevada no que vai de ano.

Acumulado do ano
No primeiros oito meses do ano Galicia rexistrou un máximo histórico de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros de Galicia. Con máis de 2,8 millóns de viaxeiros superouse nun 12,7% a cifra do mesmo período do pasado ano e nun 9% o dato do último Ano Santo 2010. Melloraron tamén as pernoitas nun 9,5%, rexistrando neste caso preto de 5,4 millóns. Esta foi a cifra máis elevada dos últimos cinco anos.

A nivel estatal, Galicia rexistrou no acumulado do ano ata agosto a porcentaxe de crecemento máis elevada do conxunto do Estado en termos de viaxeiros e sitúase na cuarta comunidade cun maior incremento nas pernoitas.

A mellora dos niveis de demanda viu como consecuencia do bo comportamento rexistrado polos tres grandes segmentos de mercado. O turismo interno incrementouse nun 2,1% no tocante as pernoitas e nun 7,4% no que se refire aos viaxeiros. Pola súa parte, o turismo receptor nacional incrementouse nun 10,9% en canto as pernoitas e nun 12,2% en canto aos viaxeiros. Por outra parte, o turismo internacional subiu nun 14,8% en canto a pernoitas e se incrementou ata o 18,9% no referido aos viaxeiros aloxados. O notable incremento do turismo internacional supuxo que novamente este mercado acadase un máximo histórico tanto de viaxeiros aloxados con máis de 800 mil e de pernoitas con 1,25 millóns como no peso ao supoñer o 28,1% e 23,2% de viaxeiros e pernoitas respectivamente.

Como consecuencia da mellora das pernoitas, os niveis de ocupación do sector hoteleiro en Galicia melloran en relación ao pasado ano en máis de tres puntos porcentuais para situarse na cifra máis elevada dos últimos cinco anos.